O SUBSTANTIVO
É unha clase de palabras que designa cousas, seres ou conceptos abstractos (casa, home, amor); caracterízase por estar formado por un lexema ou máis nos compostos (vacaloura), que achega o significado léxico, e por morfemas derivativos (sufixos e prefixos) e/ou flexivos (xénero e número).
TIPOS DE SUBSTANTIVOS:
Substantivos propios (topónimos, antropónimos e patronímicos) e comúns.
Os comúns poden ser:
1.- Pola orixe:
.- Primitivos: se non teñen ningún morfema derivativo. Exemplo: mesa
.- Derivados: se teñen morfema derivativo. Exemplo: mesiña
2.- Pola composición:
.- Simples: cun só lexema. Exemplo: mesa
.- Compostos: dous ou máis lexemas. Exemplo: beirarrúa
3.- Polo significado:
.- Abstractos: designan calidades dos seres. Exemplo: paz
.- Concretos: con existencia real. Exemplo: mesa
Á súa vez, os concretos divídense en:
- non contables: podemos medilos ou pesalos. Exemplo: fariña
- contables: que se poden contar. Poden ser:
. individuais: designan un só ser. Exemplo: mesa
. colectivos: designan un conxunto. Exemplo: rabaño
Así pois, un substantivo como MESA clasifícase como: substantivo común, primitivo, simple, concreto, contable, individual.