BLOG DE AULA DE 1º DE BACHARELATO IES ISAAC DÍAZ PARDO

BLOGUE DE AULA DE 1º DE BACHARELATO DO IES ISAAC DÍAZ PARDO.

Este é un blog que espero que nos axude nas nosas clases. con diferentes aportación sobre esquemas, resumos, comentarios e outro material interesante ao que todos podemos ter acceso. É un blog aberto a todos así que espero as vosas colaboracións.

27 sept 2014

Formación da lingua galega. Unidade 1

A FORMACIÓN DA LINGUA GALEGA

  
TEMA 2 (1º Bac): A FORMACIÓN DA LINGUA GALEGA

 O  galego  como lingua románica. Do latín ao galego

A   lingua  galega é no esencial, a derivación  do latín que os  romanos trouxeron ó  Noroeste de Hispania, con pequenos  aportes  dos pobos  que aquí se instalaron antes da  colonización romana (linguas de substratos) e cos aportes dos  idiomas  que se superpuxeron ó  latín galaico despois da fragmentación do Imperio  Romano (linguas de superestrato) Ademais no galego van entrar préstamos léxicos de idiomas  románicos e non románicos, moitas  veces  a través do castelán ou do portugués.

1.      A  situación lingüística antes da romanización:  o  substrato

Chamámoslles substratos ás linguas dos habitantes da Gallaecia prerromana. A elas superpúxose o latín vulgar e acabaron desaparecendo, deixando nel a súa pegada.

A substitución das linguas prerromanas polo latín vulgar non foi inmediata. Temos que pensar nun longo período de convivencia entre as variedades autóctonas e a lingua dos romanos que favorecese a influencia, interferencia e hibridación de moitas formas lingüísticas.
É moi posible que os hábitos articulatorios dos falantes das linguas autóctonas influísen nos cambios fonéticos que se foron producindo no latín galaico, pero iso é imposible de comprobar. O único nivel lingüístico no que é relativamente fácil determinar a influencia destas linguas no latín é o léxico: perviven moitas palabras no galego actual, comúns ás linguas ibéricas ou exclusivas do galego e portugués, que non existen nas demais linguas románicas. A maior parte deste léxico son substantivos que designan realidades concretas e características do contorno: o relevo xeográfico, as plantas, os animais, as construcións domésticas... A presenza de elementos prerromanos é especialmente abundante na toponimia, tanto por conservar o nome orixinal nos asentamentos existentes antes da romanización como por adoptar, no caso das novas fundacións, o nome común con que se designaba na lingua autóctona.

Distínguense diferentes substratos correspondentes a pobos que foron asentándose na Gallaecia ao longo de sucesivas etapas históricas.

Substratos  preindoeuropeos
Cronoloxicamente, están situados na Idade de Pedra, e fórmanos distintas etnias convivindo no noroeste da península  Ibérica. Considerando a distribución xeográfica entre voces propias da Galiza e doutros lugares, pódense diferenciar tres grupos:
  • Euroafricano ou mediterráneo (desde o Norte de África ata os Alpes, pasando pola Península; situado cronoloxicamente a finais do paleolítico superior), que nos deixou palabras como cosco, mata, quiroga e variantes (queiroga, queiruga, queiroa...), carqueixa, carrabouxo, carrasco...
  • Hispano-caucásico (desde o Atlántico ao Cáucaso, na Europa meridional; situado no terceiro milenio a.C.), con voces como coto, amorodo e variantes, sobaco, gorro ...
  • Tirrénico (no Mediterráneo), do cal xurdiron touza, morea, petouto, lastra, barro, cama, veiga, varcia, gándara...

Substratos indoeuropeos

A partir do primeiro milenio antes de Cristo, desprázanse até a península pobos indoeuropeos que se superpoñen ás etnias anteriores.
Considerando as peculiaridades lingüísticas, adóitase falar de dous grupos:
  • Linguas preceltas ou protoceltas. Desprazáronse á península, aproximadamente polo ano 800 a.C., pobos do centro e norte de Europa coñecidos cos nomes de ligures, ambro-ilirios ou tamén como paraceltas ou protoceltas. Algúns dos restos que deixaron no galego son os topónimos co sufixo -asc- e -usc- (Viascón, Tarascón, Velasco, Ledusco...), xunto con cabana, canastro, cabazo, cabaceira, páramo...
  • Linguas celtas. Houbo dúas emigracións de pobos celtas, unha de celtas goidélicos no século VIII a.C. (un celta arcaico que orixinará o irlandés e o escocés ) e unha segunda de celtas britónicos no século V a.C. (un celta que orixinará o galés e  o bretón ). Foi especialmente a segunda onda a que se impuxo política e lingüisticamente á poboación autóctona, manténdose unha relativa unidade cultural até a chegada dos romanos.
As palabras tomáronse ás veces directamente do celta, como foron beizo, laxe,lousa, lama, boroa, croio / coio, bico, berro, bosta, billa, berce, bugallo, centola, seara, bágoa, vasoira, colmo (=palla), gancho, braña, virar, alpendre, touciño, tona... Noutras ocasións, debido ao duradeiro contacto entre celtas e romanos, incorporáronse ao latín: camisa, braga, cabalo, carro, cervexa... E tamén foi na toponimia onde temos herdanza léxica deixada polos celtas: a terminación -obre ou -robe (Landrove, Lestrobe,  O Grove, Barallobre, Illobre, Anzobre, Callobre, Canzobre, Montrobe, Tiobre, Pantiñobre...), o sufixo -brica ou -briga, que significa fortaleza (Brigantium, Bergantiños, Coimbra...). Así mesmo, hai numerosos hidrónimos de orixe celta, como Deva (=auga), Limia (=fluír), Sar (=fluír torrencialmente), Sarela...


2.      A  Gallaecia  romana. Os romanos  en Galiza.

Os  primeiros contactos dos  romanos co noroeste ibérico datan do ano 139 a.C.
 - Entre 138 e 137  a.C. desenvólvese a campaña de Décimo Xunio  Bruto, cando as tropas romanas  cruzan o río Limia.
-  Entre o 61 e o 60 a.C. Xulio César realiza unha expedición militar a Gallaecia iniciando o seu sometemento.
-  Xa  entre o 29 e o 19 a.C. Octavio Augusto completa a conquista co episodio do monte  Medulio.

O Imperio romano logra anexionar os pobos galaicos  tardíamente o que  permitiu unha menor asimilación cultural e lingüística, en comparanza co acontecido na maior parte parte da península Ibérica. O latín será desde entón o idioma reservado para as relacións da aristocracia galaica cos funcionarios do Imperio, motivando unha paseniña situación de bilingüismo que conduciría á adopción do latín por parte das elites, especialmente tras a oficialización do cristianismo (ano 391) e o espallamento da liturxia romana (oficiada en latín) entre a poboación. Con todo, a forte ruralización da Gallaecia e a escasa implantación de grandes urbes permitiulles -como noutras zonas do Imperio- aos estamentos máis humildes (que supuñan o groso da poboación) conservar gran parte dos seus costumes e lingua, ata unha data indeterminada da Idade Media.
Unha das características máis interesantes do latín adoptado na Gallaecia vai ser o seu carácter altamente conservador, de xeito que se consagren moitas das formas máis antigas do latín, mentres xorden novas innovacións noutros lugares como na Galia ou Italia, motivando isto, que o galego manteña formas como "paxaro" (passer), "medo" (metus), "comer" (comedere) ou "mañá" (maneana) no canto de formas latinas máis recentes como avicellus, pavura, manducare, matutinu que se consagraron en idiomas como o francés ou o italiano.
As causas deste gran conservadorismo débense non só á situación xeográfica da Gallaecia, das máis afastadas de Roma, senón tamén a que maior parte do funcionarios públicos do Imperio romano que se instalaron nela proviñan da Baetica, zona romanizada desde moi cedo (século II a.C) e na cal se falaba un latín purista e moi clásico.
O latín é a base lingüística máis importante do idioma galego, xa que arredor dun 70 % das voces patrimoniais galegas proveñen basicamente do latín coloquial. A continuación indicamos algunhas palabras procedentes do latín que son exclusivas do galego e non aparecen noutras linguas: acio, arela, garabullo, chaira, intre, lóstrego, lévedo, aloumiño, con (rocha no mar)...
 Principais evolucións fonéticas do latín ao galego.
Algúns dos cambios fonéticos máis importante que se produciron na evolución do latín vulgar cara ao galego son os seguintes:

·                     Evolución do PL- inicial latino: PLUVIAM > chuvia
·                     Evolución do CL- inicial latino: CLAVEM > chave
·                     Evolución do FL- inicial latino: FLAMMA > chama
·                     Desaparición de -N-  e -L- latinos entre vogais: LUNAM > lúa; CAELUM > ceo
·                     Simplificación das consoantes dobres latinas –NN- e –LL-: CANNAM > cana; PELLAM > pela
·                     Evolución do grupo consonántico latino –CT-: NOCTEM > noite
·                     Sonorización das consoantes xordas intervocálicas latinas: -P-, -T-, -K- > -b-, -d- -g-: APICULAM > abella, METUM > medo, LACUM > lago   
Ver   cadro do libro  páx. 27




3.      O  superestrato

As linguas dos pobos que se estableceron ou exerceron unha influencia no latín vulgar galaico despois da caída do Imperio Romano constitúen o superestrato.
 Son fundamentalmente dous: o xermánico e o árabe.

·                     Superestrato xermánico: son os restos das linguas dos pobos xermánicos que se estableceron no territorio da Gallaecia cando o Imperio Romano sufría unha gran decadencia. De feito, o primeiro reino xermánico establecido no imperio foi o dos suevos na parte sur do que hoxe é Galicia e no norte de Portugal a principios do s. V. Este reino foi absorbido polo dos visigodos século e medio despois. A consecuencia principal das invasións xermánicas foi a de acentuar as diferenzas que xa había entre os distintos dialectos latinos e acelerar o proceso de evolución que daría lugar ás diferentes linguas romances. Consérvanse restos de superestrato xermánico no léxico común relacionadas co estilo de vida deste pobo (roupa, adobar, frecha, guerra, orgullo, galardón, rico, pantalón), pero, sobre todo, na antroponimia (Fernando, Alberte, Luís, Ramiro, Elvira, Gonzalo) e na toponimia (Mondariz, Allariz, Guitiriz, Sande, Castromil, Boimil, Gomesende, Abegondo...). 

·                     Superestrato árabe: A invasión musulmana produciuse no ano 711. A batalla de Guadalete, coa vitoria por sorpresa dos africanos, supuxo o fin do reino visigótico e o inicio dunha nova configuración política da Península Ibérica, que foi prácticamente ocupada na súa totalidade en poucos anos polos musulmáns. Galicia (denominada polos invasores musulmáns Jalîkîya) é o único territorio que se mantén á marxe da invasión. A influencia directa do árabe no galego é reducida (palabras como argola, albarda, alforxa, aceite, laranxa, arroba, quintal, maquía, acea, albeite, a expresión de balde), pero os arabismos chegáronnos constantemente a través do castelán en cantidade importante en séculos posteriores.

4. O  nacemento das linguas romances
No século VIII xa podemos falar de linguas romances ben diferenciadas faladas de maneira común por toda a poboación dos territorios romanizados e, aínda que nesta época segue a escribirse en latín, é moi común que nos textos se vaian coando termos en romance (meio, vila, rego, couto) que nos deixan ver que xa, nin sequera os que sabían escribir en latín o falaban de maneira habitual e moito menos podían escribilo correctamente.

5.  Cultismos, semicultismos e palabras patrimoniais. As familias léxicas irregulares
As palabras que sufriron todos os cambios fonéticos que se produciron no latín vulgar ata converterse en galego chámanse palabras patrimoniais. As palabras patrimoniais son as máis antigas e sufriron ao longo do tempo un maior desgaste, polo que a súa forma presenta notables diferenzas con respecto á palabra latina da que proceden (étimo).

Ex.: cheo, chuvia, chave, ceo, chama, lago, noite, artello...



Pero a lingua está constantemente renovándose e incorporando novas palabras que fagan fronte ás novas necesidades que van xurdindo. As linguas romances, e en xeral todas as linguas europeas, acudiron ao latín para ampliar o seu léxico a medida que estas linguas se foron utilizando para a actividade intelectual e administrativa que antes era exclusiva do latín. Estas palabras tomadas do latín máis tardiamente e utilizadas en ámbitos moi conservadores e cultos apenas cambiaron formalmente con respecto ao étimo latino: chámanse cultismos.

Ex.: pluviosidade, clave, celeste, inflamable, lacustre, noctámbulo, regular, artículo...

Algunhas palabras están a medio camiño, é dicir, foron incorporadas tardiamente, usadas en ámbitos intermedios (non demasiado cultos) e víronse afectadas parcialmente polo proceso de evolución do latín ao galego: estamos a falar das palabras semicultas.

Ex.: crego, artigo, caravilla, regra, preamar, cravo...

Non é raro que dun mesmo étimo latino teñamos hoxe na lingua palabras que evolucionaron totalmente (patrimoniais), palabras que o fixeron só parcialmente (semicultas) e palabras que se manteñen practicamente idénticas á forma da que proceden (cultas): a estas familias de palabras chamámoslles familias léxicas irregulares.

Ex.: persoa, persoal, personaxe, personalizar
       dor, doente, doenza, doloroso, indoloro
       chave, caravilla, clavícula
            artello, artigo, artículo

       crego, clerical