A FORMACIÓN DA LINGUA
GALEGA
TEMA 2 (1º Bac): A FORMACIÓN DA LINGUA GALEGA
O galego
como lingua románica. Do latín ao galego
A
lingua galega é no esencial, a
derivación do latín que os romanos trouxeron ó Noroeste de Hispania, con pequenos aportes
dos pobos que aquí se instalaron
antes da colonización romana (linguas de
substratos) e cos aportes dos
idiomas que se superpuxeron
ó latín galaico despois da fragmentación
do Imperio Romano (linguas de
superestrato) Ademais no galego van entrar préstamos léxicos de idiomas románicos e non románicos, moitas veces
a través do castelán ou do portugués.
1.
A situación lingüística antes da romanización: o
substrato
Chamámoslles substratos ás linguas dos
habitantes da Gallaecia prerromana. A elas superpúxose o latín vulgar e
acabaron desaparecendo, deixando nel a súa pegada.
A substitución das
linguas prerromanas polo latín vulgar non foi inmediata. Temos que pensar nun
longo período de convivencia entre as variedades autóctonas e a lingua dos
romanos que favorecese a influencia, interferencia e hibridación de moitas
formas lingüísticas.
É moi posible que os
hábitos articulatorios dos falantes das linguas autóctonas influísen nos
cambios fonéticos que se foron producindo no latín galaico, pero iso é
imposible de comprobar. O único nivel lingüístico no que é relativamente fácil
determinar a influencia destas linguas no latín é o léxico: perviven moitas
palabras no galego actual, comúns ás linguas ibéricas ou exclusivas do galego e
portugués, que non existen nas demais linguas románicas. A maior parte deste
léxico son substantivos que designan realidades concretas e características do
contorno: o relevo xeográfico, as plantas, os animais, as construcións
domésticas... A presenza de elementos prerromanos é especialmente abundante na
toponimia, tanto por conservar o nome orixinal nos asentamentos existentes
antes da romanización como por adoptar, no caso das novas fundacións, o nome
común con que se designaba na lingua autóctona.
Distínguense diferentes
substratos correspondentes a pobos que foron asentándose na Gallaecia ao longo
de sucesivas etapas históricas.
Substratos
preindoeuropeos
Cronoloxicamente, están situados na Idade de Pedra, e fórmanos distintas etnias
convivindo no noroeste da península Ibérica. Considerando a
distribución xeográfica entre voces propias da Galiza e doutros lugares,
pódense diferenciar tres grupos:
- Euroafricano ou mediterráneo (desde o Norte de África ata os Alpes, pasando pola Península; situado
cronoloxicamente a finais do paleolítico
superior), que nos deixou palabras como cosco, mata, quiroga
e variantes (queiroga, queiruga, queiroa...), carqueixa, carrabouxo,
carrasco...
- Hispano-caucásico (desde o Atlántico ao Cáucaso, na Europa meridional; situado no
terceiro milenio a.C.), con voces como coto, amorodo e variantes, sobaco,
gorro ...
- Tirrénico (no Mediterráneo), do cal xurdiron touza,
morea, petouto, lastra, barro, cama, veiga, varcia, gándara...
Substratos
indoeuropeos
A partir do primeiro milenio antes de Cristo, desprázanse até a península
pobos indoeuropeos que se superpoñen ás etnias anteriores.
Considerando as peculiaridades lingüísticas, adóitase falar de dous grupos:
- Linguas preceltas ou protoceltas. Desprazáronse á península,
aproximadamente polo ano 800
a.C., pobos do centro e norte de Europa coñecidos
cos nomes de ligures, ambro-ilirios ou tamén como paraceltas ou
protoceltas. Algúns dos restos que deixaron no galego son os topónimos co
sufixo -asc- e -usc- (Viascón, Tarascón, Velasco, Ledusco...),
xunto con cabana, canastro, cabazo, cabaceira, páramo...
- Linguas celtas. Houbo dúas emigracións de pobos celtas,
unha de celtas goidélicos no século VIII a.C. (un celta arcaico que
orixinará o irlandés e o escocés ) e unha segunda de celtas
britónicos no século V a.C. (un celta que orixinará o galés e
o bretón ). Foi especialmente a segunda onda
a que se impuxo política e lingüisticamente á poboación autóctona,
manténdose unha relativa unidade cultural até a chegada dos romanos.
As palabras tomáronse ás veces directamente do celta, como foron beizo,
laxe,lousa, lama, boroa, croio / coio, bico, berro, bosta, billa, berce,
bugallo, centola, seara, bágoa, vasoira, colmo (=palla), gancho, braña, virar,
alpendre, touciño, tona... Noutras ocasións, debido ao duradeiro contacto
entre celtas e romanos, incorporáronse ao latín: camisa, braga, cabalo,
carro, cervexa... E tamén foi na toponimia onde temos herdanza léxica deixada
polos celtas: a terminación -obre ou -robe (Landrove, Lestrobe, O Grove, Barallobre, Illobre, Anzobre,
Callobre, Canzobre,
Montrobe,
Tiobre, Pantiñobre...),
o sufixo -brica ou -briga, que significa fortaleza (Brigantium, Bergantiños, Coimbra...). Así mesmo, hai numerosos hidrónimos
de orixe celta, como Deva (=auga), Limia (=fluír), Sar (=fluír torrencialmente), Sarela...
2. A
Gallaecia romana. Os romanos en Galiza.
Os primeiros contactos dos romanos co noroeste ibérico datan do ano 139 a.C.
- Entre 138 e 137 a.C. desenvólvese a campaña de Décimo
Xunio Bruto, cando as tropas
romanas cruzan o río Limia.
- Entre o 61 e o 60 a.C. Xulio César realiza
unha expedición militar a Gallaecia iniciando o seu sometemento.
- Xa
entre o 29 e o 19 a.C.
Octavio Augusto completa a conquista co episodio do monte Medulio.
O Imperio
romano logra anexionar os pobos galaicos tardíamente o que permitiu unha menor asimilación cultural e
lingüística, en comparanza co acontecido na maior parte parte da península
Ibérica. O latín será desde entón o idioma reservado para as relacións da
aristocracia galaica cos funcionarios do Imperio, motivando unha paseniña
situación de bilingüismo que conduciría á adopción do latín por parte das
elites, especialmente tras a oficialización do cristianismo
(ano 391) e o espallamento da liturxia romana (oficiada en latín) entre a
poboación. Con todo, a forte ruralización da Gallaecia e a escasa implantación
de grandes urbes permitiulles -como noutras zonas do Imperio- aos estamentos
máis humildes (que supuñan o groso da poboación) conservar gran parte dos seus
costumes e lingua, ata unha data indeterminada da Idade Media.
Unha das características máis interesantes do
latín adoptado na Gallaecia vai ser o seu carácter altamente conservador, de
xeito que se consagren moitas das formas máis antigas do latín, mentres xorden
novas innovacións noutros lugares como na Galia ou Italia, motivando
isto, que o galego manteña formas como "paxaro" (passer),
"medo" (metus), "comer" (comedere) ou
"mañá" (maneana) no canto de formas latinas máis recentes como
avicellus, pavura, manducare, matutinu que se
consagraron en idiomas como o francés ou o
italiano.
As causas deste gran conservadorismo débense non
só á situación xeográfica da Gallaecia, das máis afastadas de Roma, senón tamén
a que maior parte do funcionarios públicos do Imperio romano que se instalaron
nela proviñan da Baetica,
zona romanizada desde moi cedo (século II a.C) e na cal se falaba un latín
purista e moi clásico.
O latín é a base
lingüística máis importante do idioma galego, xa que arredor dun 70 % das
voces patrimoniais galegas proveñen basicamente do latín coloquial. A
continuación indicamos algunhas palabras procedentes do latín que son
exclusivas do galego e non aparecen noutras linguas: acio, arela, garabullo,
chaira, intre, lóstrego, lévedo, aloumiño, con (rocha no mar)...
Principais evolucións fonéticas do
latín ao galego.
Algúns dos cambios
fonéticos máis importante que se produciron na evolución do latín vulgar cara
ao galego son os seguintes:
·
Evolución do PL-
inicial latino: PLUVIAM > chuvia
·
Evolución do CL-
inicial latino: CLAVEM > chave
·
Evolución do FL-
inicial latino: FLAMMA > chama
·
Desaparición de
-N- e -L- latinos entre vogais: LUNAM > lúa; CAELUM > ceo
·
Simplificación das
consoantes dobres latinas –NN- e –LL-: CANNAM > cana; PELLAM > pela
·
Evolución do grupo
consonántico latino –CT-: NOCTEM > noite
·
Sonorización das consoantes xordas intervocálicas latinas: -P-, -T-, -K- > -b-, -d- -g-: APICULAM > abella, METUM > medo, LACUM > lago
Ver cadro do libro páx. 27
3.
O superestrato
As linguas dos pobos que
se estableceron ou exerceron unha influencia no latín vulgar galaico despois da
caída do Imperio Romano constitúen o superestrato.
Son
fundamentalmente dous: o xermánico e o árabe.
·
Superestrato
xermánico: son os restos das linguas dos
pobos xermánicos que se estableceron no territorio da Gallaecia cando o Imperio
Romano sufría unha gran decadencia. De feito, o primeiro reino xermánico establecido no
imperio foi o dos suevos na parte sur do que hoxe é Galicia e no norte de Portugal
a principios do s. V. Este reino foi absorbido polo dos visigodos século e
medio despois. A consecuencia principal das invasións xermánicas foi a de
acentuar as diferenzas que xa había entre os distintos dialectos latinos e
acelerar o proceso de evolución que daría lugar ás diferentes linguas romances.
Consérvanse restos de superestrato xermánico no léxico común relacionadas co
estilo de vida deste pobo (roupa, adobar, frecha, guerra, orgullo, galardón,
rico, pantalón), pero, sobre todo, na antroponimia (Fernando, Alberte,
Luís, Ramiro, Elvira, Gonzalo) e na toponimia (Mondariz, Allariz,
Guitiriz, Sande, Castromil, Boimil, Gomesende, Abegondo...).
·
Superestrato árabe: A invasión musulmana produciuse
no ano 711. A
batalla de Guadalete, coa vitoria por sorpresa dos africanos, supuxo o fin do
reino visigótico e o inicio dunha nova configuración política da Península
Ibérica, que foi prácticamente ocupada na súa totalidade en poucos anos polos
musulmáns. Galicia (denominada polos invasores musulmáns Jalîkîya) é o único
territorio que se mantén á marxe da invasión. A influencia directa do árabe no
galego é reducida (palabras como argola,
albarda, alforxa, aceite, laranxa, arroba, quintal, maquía, acea, albeite,
a expresión de balde),
pero os arabismos chegáronnos constantemente a través do castelán en cantidade
importante en séculos posteriores.
4. O nacemento
das linguas romances
No século
VIII xa podemos falar de linguas romances ben diferenciadas faladas de maneira
común por toda a poboación dos territorios romanizados e, aínda que nesta época
segue a escribirse en latín, é moi común que nos textos se vaian coando termos
en romance (meio, vila, rego, couto) que nos deixan ver que xa, nin
sequera os que sabían escribir en latín o falaban de maneira habitual e moito
menos podían escribilo correctamente.
5. Cultismos, semicultismos e palabras
patrimoniais. As familias léxicas irregulares
As palabras que sufriron
todos os cambios fonéticos que se produciron no latín vulgar ata converterse en
galego chámanse palabras
patrimoniais. As palabras patrimoniais son as máis antigas e sufriron ao
longo do tempo un maior desgaste, polo que a súa forma presenta notables
diferenzas con respecto á palabra latina da que proceden (étimo).
Ex.: cheo, chuvia, chave, ceo, chama,
lago, noite, artello...
Pero a lingua está
constantemente renovándose e incorporando novas palabras que fagan fronte ás
novas necesidades que van xurdindo. As linguas romances, e en xeral todas as
linguas europeas, acudiron ao latín para ampliar o seu léxico a medida que
estas linguas se foron utilizando para a actividade intelectual e
administrativa que antes era exclusiva do latín. Estas palabras tomadas do
latín máis tardiamente e utilizadas en ámbitos moi conservadores e cultos
apenas cambiaron formalmente con respecto ao étimo latino: chámanse cultismos.
Ex.: pluviosidade, clave, celeste,
inflamable, lacustre, noctámbulo, regular, artículo...
Algunhas palabras están
a medio camiño, é dicir, foron incorporadas tardiamente, usadas en ámbitos
intermedios (non demasiado cultos) e víronse afectadas parcialmente polo
proceso de evolución do latín ao galego: estamos a falar das palabras semicultas.
Ex.: crego, artigo, caravilla, regra,
preamar, cravo...
Non é raro que dun mesmo
étimo latino teñamos hoxe na lingua palabras que evolucionaron totalmente
(patrimoniais), palabras que o fixeron só parcialmente (semicultas) e palabras
que se manteñen practicamente idénticas á forma da que proceden (cultas): a
estas familias de palabras chamámoslles familias
léxicas irregulares.
Ex.: persoa,
persoal, personaxe, personalizar
dor, doente, doenza,
doloroso, indoloro
chave, caravilla, clavícula
artello, artigo, artículo
crego, clerical